Na sede da Organización. (O mundo do señor Ibraim 2)

Day 2,657, 00:27 Published in Spain Spain by Bichoquinho

O rapaz volveu catro días despois de telo mandado. De facer cada viaxe igual de rápido non chegariamos a ningures.

–Señor, Tobías agarda para entrar.

–Ben, facédeo pasar –dixen pausadamente– en tres horas. –Rematei cando o paspán da porta se propuña xa a saír.

Ao primeiro quedou inutilmente parado, mais seguida comprendeu o que lle conviña e marchou.


Pasado un cuarto de hora despois das tres acoradas fíxeno chamar e a súa entrada non me decepcionou.

–Nove horas de voo desde esa cidade infernal e chego aquí e aínda me fai esperar tres horas e media. –Dixo tratando de conter a rabia.

–Canto tempo estiveches con eles? –dixen sosegadamente.

–Hora e media –respondeu sen esperar tal resposta.

–E cantos días che levou a viaxe?

–Tres –contestou ao tempo que se decataba de por onde ían os tiros.

–Cónstame que chegas despois de catro días. –Dixen, contrariado pola súa resposta.

–Cheguei onte á noite mais era xa noite e fun para a casa a descansar e presentarme aquí a primeira hora, descansado e coas novas. –Dixo con orgullo.

–A próxima vez preséntate de inmediato e nada máis chegar ao aeroporto ponte en contacto con nós –dixen elevando o ton segundo falaba–. Ou é que non ves ao resto das ratas chamar ás súas mamás cando pisan terra?

–Si, señor. –Dixo baixando a cabeza mais apertando a mandíbula ao mesmo tempo.

–Si, que? –Preguntei para recrearme na súa humillación.

–A próxima vez poreime en contacto coa Organización nada máis pisar terra e presentareime de inmediato ante vostede. –Dixo como un autómata.

–Cal é, entón o exemplo que has de seguir ao chegar ao aeroporto?

–O do resto de ratas que chaman ás súas mamás. –Dixo poñéndose colorado ata as orellas.

–Moi ben –dixen satisfeito–. Daquela procede a contarme sobre a túa estadía.